Emblema de la Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas ciudadanas
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo
Empleo público
Perfil del Contratante

Actualidad

25/01/2018

A Deputación trae por 1ª vez a Lugo as reproducións dos murais de Santa Eulalia de Bóveda 91 anos despois da súa creación

- Trátase da obra realizada polo restaurador Elías de Segura, que estará exposta no Museo Provincial ata o 15 de abril. É unha colección que, debido á súa importancia histórica e patrimonial, se conserva no Arquivo do Museo Arqueolóxico Nacional.

- García Porto apuntou que  “o principal obxectivo deste proxecto é poñer en valor un Ben de Interese Cultural como é Santa Eulalia de Bóveda, que tras permanecer meses pechado, volveu abrir as súas portas esta semana coincidindo con esta inauguración”

- A exposición está composta por seis acuarelas orixinais e a reprodución a escala 1:1 dun debuxo. Na mostra tamén se inclúe documentación antiga do monumento, paneis informativos, así como materiais arqueolóxicos conservados no Museo de Lugo como fragmentos da pintura mural ao fresco de Santa Eulalia

250118 Foto Boveda 1

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, inaugurou este xoves no Refectorio do Museo Provincial da Deputación a exposición “A pintura mural de Santa Eulalia de Bóveda”, que se poden ver no Museo Provincial ata o 15 de abril por vez primeira en Lugo, 91 anos despois da súa creación. A Deputada anunciou que nas vindeiras semanas o Museo acollerá unha xornada sobre as pinturas murais deste Santuario que contará con especialistas e estudosos na materia. Na inauguración participaron ademais os Comisarios da mostra, a Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro e o investigador Enrique Montenegro.

García Porto explicou “que é a primeira vez se exhiben as 6 acuarelas desta colección realizadas polo restaurador Elías de Segura realizadas no ano 1927, polo que se trata dun testemuño directo e orixinal do estado de conservación das pinturas no momento do seu descubrimento. Hai que lembrar a importancia histórica do santuario de Santa Eulalia de Bóveda que foi declarada Monumento Nacional en 1931 e BIC no 1996”, sinalou.

A Deputada remarcou que o principal obxectivo deste proxecto “é poñer en valor Santa Eulalia de Bóveda de Mera, a través do Museo, e coa colaboración do Museo Arqueolóxico Nacional, e outras importantes institucións como a RAG, Museo del Prado, Biblioteca Navarro Tomas e o CSIC. Este santuario, tras permanecer varios meses pechado volveu as súas portas esta mesma semana. Por iso, con esta mostra contribuímos a dar a coñecer o noso patrimonio cultural e artístico, ademais de poñelo en valor, como neste caso, aínda que non se conserva na nosa provincia, pero pretendemos que sexa coñecido por todos. Ademais, Elías de Segura convertese nun testemuño excepcional do estado de conservación das pinturas de Bóveda no momento no seu descubrimento no 1927”.

A mostra está composta por seis acuarelas orixinais e a reprodución a escala 1:1 dun debuxo, ademais, inclúese documentación antiga do monumento, paneis informativos, así como diferentes materiais arqueolóxicos conservados nas zonas de reserva do Museo Provincial de Lugo.

Reproducións tomadas in situ no 1927

A exposición conta con debuxos e acuarelas da decoración pictórica tomadas do natural, in situ, que constitúen unha excepcional documentación gráfica do momento do seus achádegos. Este descubrimento foi presentado no V Congreso Internacional de Historia de la Arqueología (2017) por Jorge Montenegro Rúa. Nesta ponencia explicase que Elías de Segura permaneceu un mes en Lugo copiando as pinturas murais por encargo de Manuel Gómez-Moreno, quen dirixía os traballos arqueolóxicos nese momento, polo que se trata dun testemuño directo e orixinal do estado de conservación das pinturas no momento do seu descubrimento.

Elías de Segura

O pintor de Elías de Segura y Zabarte comezou o seus traballos como profesor de debuxo no Colexio dos Padres Jesuitas de Chamartin da Rosa (Madrid), e no ano 1918 patentou un inxenioso invento co nome de “calco natural”, que facilitaba transferir a papel de debuxo unha imaxe observada a simple vista, con certa proporción e xusteza, sobre un cristal transparente. Tras este novidoso invento foi nomeado Restaurador-Conservador do Ministerio no 1920. Ademais de reproducir os murais de Bóveda, traballou nas pinturas románicas do Panteón dos Reis de San Isidoro de León, as de San Baudelio de Berlanga, as de Sigena en Huesca e as prerrománicas de San Miguel de Lillo en Oviedo, ademais de colaborar no Museo del Prado con outros traballos ao longo da súa traxectoria.

Santa Eulalia de Bóveda

O santuario de Santa Eulalia de Bóveda foi descuberto no 1914 polo párroco José María Penado, e dado a coñecer no 1926, foi declarado Monumento Nacional en 1931 e Ben de Interese Cultural en 1996. Desde o seu descubrimento foi obxecto de múltiples actuacións e estudos. Tras permanecer varios meses pechado, esta mesma semana abriu novamente as súas portas.

Santa Eulalia de Bóveda é un santuario tardo-romano do século III construído a 14 quilómetros da Antiga Lucus Augusti. Estaba dedicado á deusa Cibeles e reconvertido ao culto de Santa Eulalia. Componse dunha sala de planta rectangular, cunha pequena piscina no centro e cuberta por unha bóveda de canón. No seu exterior, un pequeno atrio con dúas columnas "in antis" precede á fachada, na que se abre unha porta con arco de ferradura, tipoloxía que posteriormente adoptarían os visigodos. É o arco de ferradura máis antigo existente na arquitectura española como elemento estrutural, xa que anteriormente só aparecera na decoración dalgúns ronseis romanos.

Imágenes

250118 Foto Boveda 2 250118 Foto Boveda 3

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000