Emblema de la Deputación de Lugo

Factura electrónica
Consultas ciudadanas
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo
Empleo público
Perfil del Contratante

Actualidad

11/09/2017

Goberno da Deputación e Concello promoven en Lugo o deporte do xadrez durante o mes de setembro

- Fano conxuntamente a través de dúas iniciativas: Xadrez na Rúa, que se levará a cabo na Praza Maior da capital lucense durante todo setembro, e o Torneo de Xadrez Sub 2200, que terá lugar os días 16 e 17 de setembro no Parque de Frigsa
- Rivera Capón subliñou que “é importante colaborar con este tipo de iniciativas coas que ofrecemos aos lucenses alternativas de lecer deportivas en espazos públicos, ao mesmo tempo que facilitamos a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais”
- Fernández Méndez agradeceu á Asociación Cultural Xaquedrum “a realización destes eventos, así como o traballo que veñen realizando nos últimos máis de 20 anos, promovendo en Lugo o xadrez importante polos beneficios que aporta á poboación”
- O Executivo Provincial e o Concello de Lugo colaboran coa Asociación Cultural Xaquedrum na organización destas iniciativas e os gastos de tempada da Escola Lucense de Xadrez, cunha achega de 6.000 e 3.000 euros respectivamente

Goberno da Deputación e Concello promoven en Lugo o deporte do xadrez durante o mes de setembro

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira  e o Presidente da Asociación Cultural Xaquedrum, presentaron este luns no Edificio de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo a iniciativa Xadrez na Rúa, que se levará a cabo na Praza Maior da capital lucense durante o mes de setembro, e o Torneo de Xadrez Sub 2200, que terá lugar os días 16 e 17 de setembro no Parque de Frigsa.

O Executivo Provincial e o Concello de Lugo colaboran coa Asociación Cultural Xaquedrum na organización de diferentes iniciativas ao longo do ano, entre as que se inclúen as mencionadas, así como para sufragar os gastos da Escola Lucense de Xadrez, cunha achega de 6.000 e 3.000 euros respectivamente.

Rivera Capón subliñou que “consideramos que é importante colaborar con este tipo de iniciativas coas que ofrecemos aos lucenses alternativas de lecer deportivas en espazos públicos, ao mesmo tempo que facilitamos a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais. Durante o mes de setembro na praza Maior levaranse a cabo unha serie de campañas de promoción, coas que incentivar a práctica do xadrez como un deporte saudable e beneficioso para o público de todas as idades”.

Pola súa parte, Fernández Méndez agradeceu á Asociación Cultural Xaquedrum “a realización destes eventos, así como o traballo que veñen realizando nos últimos máis de 20 anos, promovendo en Lugo o xadrez, importante polos beneficios que aporta á poboación, tales como incentivar a axilidade mental, mellorar a concentración ou permitir a socialización”. Ademais, o Concelleiro tamén incidiu no obxectivo destas actividades, que comparte o Concello, ofrecer alternativas de lecer en espazos públicos, ao tempo que animou ao pobo de Lugo a participar nelas.

As clases da Escola Deportiva de Xadrez comezarán o 13 de outubro. As inscricións poden facerse na Praza de España ou a través do correo electrónico xaquedrum@gmail.com ata finais do mes de setembro.

Tardes de xadrez na rúa
Durante o mes de setembro, na Praza Maior do Concello de Lugo instalarase un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e o baúl viaxeiro, de luns a venres desde as 17:00 ás 20:00 horas. Esta actividade é gratuíta e non require inscrición previa. Desta forma os que queiran poderán xogar ao xadrez, aprender as normas básicas deste deporte, xogar no xadrez xigante e ler libros na Praza Maior.

Os principais obxectivos que se perseguen con esta iniciativa, son: fomentar actividades educativas na cidade; achegar o xadrez á cidadanía; crear espazos para actividades deportivas en familia; e fomentar a convivencia dos máis novos e fomentar hábitos saudables.

Torneo Sub 2200
O Torneo de Xadrez Sub 2200 terá lugar os días 16 e 17 de setembro no local de xogo situado na Casa das asociacións no Parque de Frigsa. Está dirixido para xogadores sen ELO ou con ELO menor de 2200. Haberá trofeos para os cinco  primeiros clasificados e medallas para os cinco primeiros de cada tramo: Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16, Sub 18. O sistema de xogo será Suízo a 6 sesións e cun ritmo de xogo de  60 minutos máis 30 segundos por xogada cun tempo máximo de espera de 45 minutos.

Así mesmo, tamén se presentou o Torneo Cidade de Lugo que terá lugar os días 10, 11 e 12 de novembro no Centro Xuvenil Lug2 e que repartirá 2.000 euros en premios. A información e inscricións están dispoñibles a través da dirección de correo electrónico xaquedrum@gmail.com ou no teléfono 657 974 937.

Información sobre el documento

Diputación de Lugo
C/ San Marcos N°8 – 27001 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 260 000